Graves carencias de persoal no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra
Desde o ano 2009, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (AHPPo) está a ter problemas de falta de persoal. Estes problemas vanse agravando cando se achega o período estival por mor das vacacións, propias destas datas, o que, no pasado, xa fixo que o centro tivese que pechar polas tardes en pleno mes de agosto.
Cun cadro de dezaoito persoas, entre persoal técnico e de apoio, en quendas de mañá e tarde, este servizo publico só conta hoxe con trece, debido a que non se cubriron as prazas vacantes cos concursos de traslados de funcionarios/as e persoal laboral, e a que hai dúas baixas médicas de longa duración.
Aos catro membros de persoal de apoio que faltan (1 subalterno, 2 vixiantes de arquivos, bibliotecas e museos e 1 vixiante), súmase a vacante do técnico/a superior de arquivos. Esta situación carrea dificultades (catro persoas de apoio teñen que facer o labor de oito e traballar en servizos mínimos de forma permanente para cubrir as ausencias xustificadas …), non só á hora de atender as demandas de consulta e busca de documentación, senón tamén á hora de realizar todos os servizos de atención á Administración e ao/á usuario/a do Arquivo (cidadáns e investigadores/as), así como á súa calidade e eficiencia.
Lembremos que a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, no seu artigo 14, expón que “os arquivos públicos contarán co persoal arquiveiro, técnico e administrativo suficiente para cubrir as necesidades do servizo”, e todo isto, sen persoal, non se pode realizar.
Este ano, os/as usuarios/as do centro de arquivo pontevedrés están a deixar constancia das súas queixas e malestar por escrito, pois atópanse cun problema que se repite no tempo sen solución de continuidade. A dirección do centro dálles entrada e procede a trasladalas aos responsables superiores na materia. Desta maneira, o/a usuario/a ten a certeza de que a Administración, a través dos seus órganos, é coñecedor do problema. Pero non abonda só con coñecelo senón que é necesario darlle unha solución que interrompa a inercia dos últimos anos para que sexa o derradeiro ano que ocorra. Temos unha responsabilidade patrimonial que cumprir …